Banner

Crónica de Galicia


Martes
07 Febreiro 2012
Edición Nº:
Director: Antón Xil Alcántara
Inicio Crenzas de Galicia Capadores e matachíns

Capadores e matachíns

E-mail Imprimir PDF
Indice del artículo
Capadores e matachíns
Os matachíns e a matanza do porco
Todas las páginas

Faena na matanza: o chamuscado do porco

 

O oficio de capador era moi importante e básico no mundo labrego, sendo outro dos oficios tamén itinerantes que se realizaban nos medios rurais. Na Galicia campesiña os porcos eran criados na casa e alimentados con verzas, fariña, millo, patacas, cebada, castañas, landras e coas sobras dos alimentos da casa, se ben canta máis herba e verdura comeran e canta máis auga beberan moito mellor. O tempo de espera para o sacrificio era de arredor dun ano e medio de idade, variando o peso e o tamaño segundo a alimentación e a raza, que polo xeral nesta zona eran dúas: xamoneiros e lardeses. Dicían que por sabor era mellor carne a da femia que a do macho, pois se este non era capado a carne collía un sabor a bravún difícil de quitar, incluso deixándoa ao sereno pola noite. Por iso unha figura singular era o do capador.

Capadores no Condado-Paradanta

Este traballo, por esta zona, facíano un home da Lamosa e mais outro da banda do Porriño, que ían dun lado para outro montados no seus cabalos e anunciaban a súa presenza nas poboacións tocando un asubío que os facía característicos. Era un rechouchío parecido ao que usaban tamén algúns afiadores e paraugueiros.
Antonio Pexegueiro Vieites é un vello capador, quizais dos últimos que aínda traballan no oficio, pois, segundo conta, a xente nova non quere saber nada das cousas labregas nin tampouco das gandeiras: “Son moi raros os rapaces que queren aprender este oficio que, pola contra, está de momento moi ben pagado dependendo do numero de castracións que se fagan ao día. Nin meus fillos nin meus netos queren saber deste asunto, se ben meu fillo maior, Rodesindo, sabe facelo e faino, en contadas ocasións, por amizade pero non por cartos.
Quizais quen comezara neste labor fora o seu tataravó, pero o que Antonio sabe con certeza é que seu bisavó ensinoullo a seu avó, este a seu pai e así ata chegar a el o segredo do oficio. Afirma con retranca que o mellor do oficio estaba en que era o seu propio xefe e en que cada día estaba nun sitio distinto. E cóntanos que a clave está en que “hai que ser moi bo, se non, ninguén te contrata: non basta con que saibas facelo, hai que ser rápido e non trabucarse”. O que está claro é que estes animais sen o aparato reprodutor pesan máis e a súa carne resulta máis saborosa.

As ferramentas do capador

As ferramentas que utilizaban no eran moitas, peros sempre tiñan que estar afiadas no punto e limpas. Eran tenaces, tesoiras, coitelos e navallas, sen esquecer o chifre co que anunciaban a súa presenza nos lugares.

Capadores e veterinarios

A pesar da súa importancia, esta é unha profesión que en certa medida se atopa baixo sospeita nos medios legais. O capador faise autónomo por medio dun epígrafe legal como “auxiliar de veterinaria”, pero non necesariamente posúen o título. Este vacío legal, non regulado pola lei española, pon en pé de loita aos veterinarios, que demandan que se esixa licenciarse para poder exercer como capador. Mais os capadores argumentan que a maioría dos veterinarios non saben castrar ou non se atreven a capar sequera ás porcas adultas, polo que os gandeiros terminan chamando a capadores que fagan o traballo completo. Os capadores, pola súa parte, non se negan a que os veterinarios capen, o que piden é que aqueles que queiran realizar este traballo aprendan primeiro e que se convirtan así en verdadeiros capadores, realizando o labor completo. “Non por ter estudiado veterinaria se sabe capar”.

Os capadores na cultura popular

Os capadores tamén entraron de cheo no acervo cultural popular galego e así este oficio figura en refrans como, por exemplo:

“Quen máis chifre, capador”

“Porco non capado, non debe ser matado”

E cancións como esta:

Se queres casa ben feita
e porca ben capada,
canteiros de Cotobade,
capadores de Moraña”

Ou outra máis:

“Vóucheme de aquí correndo
e máis hei de correr ben
túa nai que é capadora
quéreme capar tamén”



Actualizado: ( 23.06.10 )