Cómplices e vítimas en tempo de desconto. Por Xosé Abad

Cómplices e vítimas en tempo de desconto. Por Xosé Abad

Cómplices e vítimas. Espectadores aletargados. Consumidores noqueados por cortinas de fume e, con todo, con todo o poder nas nosas mans. Coa capacidade de dicir basta por estrear. O tempo do planeta é, seguramente, o tempo da cidadanía.

Cómplices e vítimas. Espectadores aletargados. Consumidores noqueados por cortinas de fume e, con todo, con todo o poder nas nosas mans. Coa capacidade de dicir basta por estrear. O tempo do planeta é, seguramente, o tempo da cidadanía.

Os gobernos énchense a boca de palabras falsas, falan de estratexias fronte ao cambio climático, de responsabilidade social porque é o politicamente correcto, mentres manteñen e engordan o mesmo sistema de avaricia desmedida que, cal fatal diagnóstico médico, é incompatible coa vida.

As análises do problema están feitos. Segundo informes da ONU, no próximos trinta anos o número de persoas que vai necesitar refuxio a causa do cambio climático pode oscilar entre 250 e 1000 millóns. A maioría serán desprazamentos dentro do seu propio territorio e uns poucos, os afortunados que teñan máis recursos, poderán tentar cambiar de país. A pesar destas cifras, ningún goberno recoñeceu aínda o Dereito a Refuxio por Cambio Climático. Ben é certo que tampouco sorprende, á luz do que o primeiro mundo fai cos miles de refuxiados que por outras moitas causas (guerras, fame negra, desastres naturais, persecucións) chaman ás súas portas. A pesar de que o fagan amparados nun Dereito Internacional si establecido e recoñecido, que todos os gobernos violan, incumpren e aniquilan.

Por iso iniciativas como Acampa, pola paz e ou dereito ao refuxio teñen razón de ser. Os cidadáns podemos facer moito máis que xuntar tapóns, separar residuos ou plantar árbores. Podemos deixar de ser cómplices. Debemos sacar as cores a ese capitalismo atroz que nos sitúa no precipicio e véndenos edulcoradas solucións que só profundan no dano. Se os gobernos, entregados ás grandes corporacións transnacionais que non teñen nin patria nin alma, non nos representan, é o momento de deixar de soster ese xogo. Como cidadáns e como consumidores podemos forzar un cambio de modelo. Vainos a vida niso.

Cada día ouvimos falar de globalización, redondo eufemismo dun modelo económico extremadamente agresivo. Nuns poucos anos, unha minoría tan silenciosa como poderosa, se ha ido facendo co control da economía, a tecnoloxía, a investigación, ou con dereitos tan vitais como a saúde, a educación, o territorio, a enerxía ou a auga. E todo iso baixo o control férreo da información. Sen rostro e sen conciencia, non permiten que os organismos internacionais actúen en defensa do sufrimento que padece unha gran parte da humanidade esquecida. Poderíanse escribir sisudos estudos ou teses doutorais, pero ningún destas análises faría un diagnóstico máis descarnado e exacto que aquela frase curta do ex xerente do FMI e ex vicepresidente do goberno español, Rodrigo Rato: É o mercado, amigo.

Pois fronte ao mercado amigo, CIDADANÍA. Acampa pola paz e ou dereito ao refuxio naceu para traballar nesa dirección. A Coruña acolle por segundo ano consecutivo unha proposta que nos achega ás vítimas e ás testemuñas incómodas dese despropósito. Reconstrúe un simbólico campo de refuxiados no corazón mesmo da urbe, para que calquera visitante poida sentir, a anos luz do drama, en que condicións viven millóns de esquecidos polo sistema. E senta nas súas mesas de debate aos responsables dos colectivos que se enfrontan a diario a esa realidade, aos que salvan vidas coas súas mans no Mediterráneo ou fronte a calquera aramado. A eses que hoxe, nunha impúdica volta de porca máis do sistema, foron grotescamente criminalizados por un Poder ao que resultan intolerables as testemuñas que non se deixan subornar.

Todo suma. Palabras e imaxes. Por iso son parte da columna vertebral de Acampa decenas de fotógrafos de incuestionable prestixio internacional que están a documentar esa realidade incómoda, empeñados en mostrárnola en gran formato. Destripada e sincera. Incompatible coa complicidade.

Acampa 2018 (14-16 de xuño, na Coruña) dará voz a protagonistas como Óscar Camps, de Proactiva Open Arms ou Ernesto G. Maleno, de Camiñando Fronteiras. Contará co director de ECODES, Víctor Viñuales e a investigadora do Instituto Universitario de Nacións Unidas, Valeria Belo. Transmitirá aos asistentes a visión do problema a través dos obxectivos de fotógrafos como James Whitlow Delano (Every Day Climate Change), Lisa Murray, Alesandro Grassani, Juan Pablo Moreiras, Pedro Armestre, Daesung Le, ou Ariadna Silva. Ou achegará a quen queiran a realidade vergoñosa que se esconde tras os valos do campamento de refuxiados de Katsikas, en Grecia, ou a que sofre a poboación Rohinya en Myanmar.

A acollida da Iniciativa Acampa o pasado ano confirmou o acertado rumbo do proxecto. As principais ONGs e colectivos que traballan a pé de campo alí onde hai un éxodo de refuxiados (Amnistía Internacional, Médicos do Mundo, Médicos Sen Fronteiras, AIRE, Greenpeace, Families4peace, Oxfam Intermon, Solidariedade Galega, Pallasos en rebeldía?) sustentan Acampa, cuxo obxectivo futuro é percorrer as principais capitais europeas e acampar no centro de todas esas cidades para denunciar a inacción e perversión dos gobernos e organismos internacionais.

É o momento de cambiar o modelo. De deixar de apostar polos combustibles fósiles e mirar ao sol. Ás enerxías renovables. De esixir como sociedade, unha repartición xusta e sustentable dos recursos. Xa abonda de ocultarse, cómodos, tras interesadas cortinas de fume sustentadas en argumentos cortoplacistas como que pague antes o que contamina máis ou o que contaminou primeiro. É o tempo da CIDADANÍA. E na súa man está paralo e aproveitalo xustamente ou deixalo correr, mirar para outro lado e ver como se desvanece.

A nosa proposta, en www.acampa.eu. Toda iniciativa é benvida.

(*) Xose Abad é fotógrafo e Coordinador da iniciativa Acampa, pola paz e ou dereito a refuxio (A Coruña 14-16 de xuño 2018)

Deixa unha resposta